pingapingapinga

Estándar

a chuvia dos meus ollos

é negra

é petróleo caendo do ceo

dun ceo alternativo

do ceo á inversa

é o magma escurecéndose

nos volcáns máis activos

 

a chuvia dos meus ollos

non é un vaso volcado

por accidente

 

a chuvia dos meus ollos

canta cando cae

para espertar-me

e que non me asuste se é que aínda non abrín

o paraugas

 

a chuvia dos meus ollos

precipítase porque xa non hai

outra saída

 

que alguén me diga

que ocorreu

coa chuvia da humanidade

-tratei de comprendela

pero nunca o conseguín-

Advertisements

Oda á mochila abrazábel

Estándar

Unha gominola vale 5cents, polo tanto se tes 1€ podes mercar 20 gominolas. Se eu levo coa minha mochila preferida dous anos e vou cumprir os vinte, pódese dicir que levo un 10% da minha vida utilizándoa. Bueno, que o importante de todo isto é que se o 10% de 20 gominolas son 2, ese é o número de gominolas que representa a minha vida ao lado da mochila. En fin, que debería comer as outras 18 e calar a boca. Quen tivera gominolas. As que máis me gustan son as que tenhen forma de sandía mais non saben a sandía. Esas si que saben ben! Adoro a minha mochila.

Estándar

agardaría
a que chegase decembro
para volver gorecerme
no ventre de minha nai;
e quedaría dentro
uns meses máis
para non ter que sufrir
o frío de xaneiro

el foi o culpable:
pechou as minhas pálpebras
sen piedade
deixoume os ollos
vermellos e mollados
como a chuvia do inverno
de 1993

Indelébel

Estándar

abrangueches
a minha lagoa
cunha fila india
de bolboretas

non precisamos tinta
para tatuármonos

colocaches
(na mesma lagoa de antes)
a espiral de pedras para chegar
ao centro
ao punto clave
ao eixo
que resiste o peso
de tanta lagoa
e de tanto mundo
ao seu redor

non precisamos tinta
para tatuármonos

estimulaches o meu cerebro
con tanta arte
con tanta beleza
con tantas ganas e forza e mil maneiras de espertarme
(con tanta poesía, en definitiva)

non precisamos tinta
para tatuármonos

 

“o tempo pasa mal nos meus reloxos adiantados”

Estándar

ocorreríanseme moitos nomes para designar
esta noite

podería chamarlle algo así como
Da velocidade coa que adoramos a Méliès
ou
De como pasamos dúas horas
-veloces-
na estación de Montparnasse,
descubrindo que nós mesmas
formabamos parte da engranaxe desta xigantesca maquinaria
que habitamos;

mais durou pouco e
atopounos a guerra

(detestámola tanto cando nos decatamos
de que nos arrebatara
todo…)

______

A Carmela

E o café, xeado tamén.

Estándar

non cambiaría por nada do mundo
ese momento das 5 da tarde
no que apareces
nesta casa fría
coma lamber metal

timbre
contrasinal
Silviavístetequemarchamos
pecho a porta coa minha inherente torpeza
e, por primeira vez, con paraugas
véxote caminhar

adoro que che guste o xeado
de limón invernal
-sabor extranho
digno de ti-
e agardo que fabriquen
xeados de pinha
pinha rechea de xeado
-xa sabes, tamanho familiar-
para que poidamos coller un empacho
só ti e eu, en xaneiro

INVOCACIÓN

“packs” inabribles de chisqueiros
que non me deixan fumar,
o xeado no peto do abrigo
para intentalo quentar

e así seguiremos caminhando
ata chegar á fin do que consideramos
mundo desconhecido,
meu amigo.

 

______

a Vimanía.